Wednesday 15 de May de 2024

Media Ambiente realiza unha solta de 100 troitas no Couto de Verdes para contrubuír a preservar o ecosistema no río Anllóns


A conselleira Ángeles Vázquez subliñou esta mañá que con este tipo de accións tamén se axuda a conservar a especie e se garante o futuro da pesca fluvial
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá nunha solta de 100 troitas no couto de Verdes, en Coristanco, co triplo obxectivo de preservar o ecosistema fluvial do río Anllóns, conservar esta especie piscícola pola vía da repoboación e favorecer o mantemento da práctica da pesca deportiva na zona.
Durante a súa visita ao couto coruñés, a responsable autonómica lembrou que este espazo natural está catalogado como Zona de especial conservación dentro da Rede Natura 2000 e é un lugar moi frecuentado polos afeccionados á pesca deportiva, así como por turistas e visitantes que acoden atraídos pola súa beleza natural e paisaxística.
Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou o traballo de control, limpeza e conservación que realiza o seu departamento cada ano nos coutos pesqueiros, consciente da importancia que teñen estes lugares á hora de garantir a preservación dos ecosistemas fluviais nunha comunidade que, lembrou, atesoura 32.000 quilómetros de ríos.
Así, no caso concreto do couto de Verdes, polo que cada tempada pasan preto de 25.000 pescadores, a conselleira indicou que desde o ano 2009 o Goberno autonómico leva investidos neste espazo natural e a súa contorna preto de 103.000 euros. Estes fondos traducíronse no arranxo e rehabilitación da área de recreo, en tarefas de acondicionamento do propio couto fluvial e na mellora do núcleo recreativo.
Con este tipo de accións, como subliñou a conselleira durante a súa visita a Coristanco, foméntase o coidado dos ríos e favorécese unha actividade con tanta tradición en Galicia como a pesca, dous obxectivos que guiaron ao Goberno galego na elaboración da futura Lei de pesca continental, un texto normativo cuxa tramitación quedou suspendida pola convocatoria electoral e co que se busca apostar por un modelo de pesca sustentable capaz de xerar emprego e riqueza e que á vez garanta a necesaria remuda xeracional do sector.